A Comisión Executiva da
FIBA, o máximo organismo da Federación Internacional de Baloncesto, tomou unha
serie de importantes e históricas decisións sobre as Regras de Xogo na súa
reunión do 25 de abril do 2008 en Beijing (China). De feito, seguindo a recomendación
da Comisión Técnica da FIBA (comisión formada por un grupo de expertos que tratan as regras do xogo do baloncesto),
a Comisión Executiva da FIBA aprobou algunhas modificacións nas Regras Oficiais
do Baloncesto.
As recomendacións feitas pola Comisión Técnica da FIBA e as decisións tomadas pola Comisión Executiva son consecuencia do intento de seguir unificando tódalas regras de xogo existentes e ter, no futuro, unhas únicas regras para o xogo do baloncesto en todo o mundo.
A continuación redáctase un resume de tódolos cambios das regras aprobados, que inclúen algunhas modificacións históricas como a extensión da liña de tres puntos (instaurada en 1984) e o cambio do trapecio da zona restrinxida (instaurada nos anos 50) por unha zona rectangular.
REGRAS OFICIAIS DO BALONCESTO 2008:
Tódolos cambios mencionados entrarán en vigor a partir do 1 de outubro do 2008, é dicir, despois dos Xogos Olímpicos de Beijing 2008.
Art. 4.3. Uniformes: A autorización para que os xogadores poidan vestir camisetas de manga curta debaixo dos seus uniformes de xogo xa non é válida.
Art. 25.2.3.
Xogador que cae: É legal que un xogador caia e escorregue no chan
mentres sostén o balón.
Art. 28.1.3. O balón pasa á pista dianteira: O balón pasa á pista dianteira cando, durante un avance botando o balón desde pista traseira Á pista dianteira, os dous pés do xogador que bota e o balón están en contacto coa pista dianteira.
Art. 30.1.2. Balón devolto a pista traseira: Xa non se considerará violación se un xogador que salta desde a súa pista dianteira establece un novo control de equipo mentres aínda está no aire, e despois volve caer na súa pista traseira.
Art. 31. Interposicións e interferencias ao balón: Se un xogador introduce a man por debaixo da canastra e toca o balón, é unha interferencia (e non unha simple violación) con todas as consecuencias desta regra.
Art. 36.1.4. Falta antideportiva: Se un xogador defensor provoca un contacto cun opoñente desde atrás ou lateralmente nun intento de parar un contraataque, e non hai ningún opoñente entre o atacante e a canastra dos contrarios, entón o contacto debe ser considerado como antideportivo.
Art. 38.3.1. Falta técnica: Pode sancionarse con falta técnica a un xogador por movemento excesivo dos cóbados (sen contacto).
REGRAS OFICIAIS DO BALONCESTO 2010:
As modificacións que se describen
a continuación entrarán en vigor:
- Para as competicións de alto nivel / Nivel 1 (principais competicións
oficiais FIBA: Xogos Olímpicos, Campionatos do Mundo masculinos e femininos,
Campionatos do Mundo U19 e U17 masculinos e femininos, e Campionatos
Continentais/Zonais masculinos e femininos): a partir do 1 de outubro de 2010,
é dicir, despois do Campionato do Mundo de 2010.
- Para as competicións de nivel medio / Nivel 2 (o resto de competicións
oficiais FIBA e competicións de alto nivel das Federacións Nacionais): a
partir do 1 de outubro de 2012, é dicir, despois dos Xogos Olímpicos de
Londres 2012.
Art. 2.2.3. Tiros libres e zonas restrinxidas: As zonas restrinxidas serán zonas rectangulares. A zona restrinxida (tres segundos) será un rectángulo (xa non un trapecio).
Art. 2.2.4. Zona de canastra de tres puntos: A distancia da liña de tres puntos será de 6’75 m (e non de 6’25 como na actualidade).
Art. 2.2.6. Liñas laterais de saque: Dúas pequenas liñas se marcarán fora da pista, no lado enfronte da mesa de anotadores e as zonas de banquillo, co seu borde exterior a unha distancia de 8’325 m desde o borde interno das liñas de fondo; noutras palabras, á altura da liña de tres puntos. Durante os dous últimos minutos do último cuarto e dos períodos extras, despois dun tempo morto concedido ao equipo que ten dereito á posesión do balón desde a súa pista traseira, o conseguinte saque terá lugar no lado oposto do marcador desde a “liña lateral de saque”, e non desde a liña central estendida, como na actualidade.
Art. 2.2.7. Semicírculos sen carga: Os semicírculos sen carga se marcarán dentro da pista, debaixo das canastras. A distancia desde o borde interno dos semicírculos será de 1’25 m desde o centro da canastra. Ningunha falta en ataque por cargar será sancionada se o contacto do xogador atacante se produce sobre un defensor situado no “semicírculo sen carga”.
Art. 29. Vinte e catro
segundos: Se o saque debe ser administrado na pista traseira como
consecuencia das regras respectivas, o dispositivo de 24 segundos debe ser
reiniciado a 24 segundos.
Se o saque debe ser administrado desde a pista dianteira como consecuencia das
regras respectivas, entón:
- Se o dispositivo de 24 segundos mostraba 14 segundos ou máis no momento en que
o xogo foi parado, o dispositivo de 24 segundos non se reiniciará e continuará
igual.
- Se o dispositivo de 24 segundos mostraba 13 segundos ou menos no momento en
que o xogo foi parado, o dispositivo de 24 segundos se reiniciará con 14
segundos.
